Image 
Image 
Image 
Seccións Preguntas frecuentes
30 | 07 | 2010

PREGUNTAS FRECUENTES

RELATIVAS Á OFERTA EDUCATIVA E Á MATRÍCULA

Que idiomas podo estudar na EOI de Vigo?
Alemán, Chinés, Español para estranxeiros, Francés, Galego, Inglés, Italiano, Portugués e Xaponés.

Que idiomas podo estudar nas seccións da EOI de Vigo?
- Cangas: inglés e francés
- Coia: inglés e francés
- Ponteareas: inglés
- Tui: inglés, francés e portugués.
Cando se poden iniciar os estudos na EOI e en que idioma/s?
- A partir dos 14 anos (cumpridos no ano natural), nun idioma distinto ao que se cursa como primeira lingua na ESO.
- A partir dos 16 anos (cumpridos no ano natural) , calquera persoa en calquera idioma.

Como se accede aos estudos da EOI?
- Por proba de clasificación: se vostede ten coñecementos do idioma, debe presentarse á proba de clasificación. A matrícula desta será do 1 ao 8 de xuño e as probas comezarán a partir do día 10 de acordo con este calendario. Con esta proba vostede accederá a calquera dos niveis segundo os seus coñecementos.
- Por validación: pode consultar a táboa oficial de validacións para acceder a cursos superiores dun idioma.
Que teño que saber sobre a matrícula?
- Matrícula oficial: faise en dous períodos: xuño-xullo e setembro. Datas: as datas serán enviadas dende a Consellaría para todas as EOI de Galicia e publicadas na nosa web.     
- Matrícula libre: realízase durante o mes de abril, normalmente entre os días 1 e 21. Nesta modalidade o alumnado só ten dereito a facer o exame, non hai clases nin titorías. As probas libres coinciden coas de certificación dos oficiais e fanse ao rematar de cada nivel (Básico, Intermedio, Avanzado).
- Renuncia á matrícula: pódese renunciar á matrícula ata o día 30 de abril. Chega con solicitalo por fax, mail ou na administración da EOI, especificando os seguintes datos: nome completo, DNI, idioma e curso. A renuncia a matrícula oficial serve para non esgotar convocatorias, mais non implica a devolución de taxas.
- Convocatorias: cada persoa ten dereito ao dobre de matrículas que cursos ten o nivel e cada matrícula da dereito a unha convocatoria ordinaria en xuño e unha extraordinaria en setembro. DOG, 9 outubro 2007, RD 191/2007: “A permanencia en cada nivel das ensinanzas de idiomas na modalidade presencial será, como máximo, do dobre da duración establecida na normativa vixente para cada nivel dos diferentes idiomas”.
Canto custa a matrícula de cada curso na EOI?
- A matrícula é anual e os prezos establécense segundo a seguinte táboa. Estes prezos son revisados pola Facenda galega anualmente.
- A exención de taxas tamén vén especificada na táboa anterior
- Devolución de taxas: só se ten dereito a devolución de taxas cando a EOI non preste o servizo que vostede pagou (cambios de horarios por parte da EOI ou anulación dun curso por falta de alumnado, etc.).
Que tipos de cursos e horarios existen na EOI?
- Cursos anuais: son cursos presenciais, con clases de hora e media, tres días por semana. Eventualmente, contemplaranse outras posibilidades horarias en certo tipo de cursos.
- Cursos a distancia: só existen en inglés (That's English). Ten titorías de asistencia voluntaria unha vez á semana (1 hora e media), o resto é traballo autónomo co material de That's English e programas de televisión (canle 2).
- Cursos monográficos de especialización ou actualización: Impártense 2 ou 3 días por semana, 2 horas ou 1 hora e media cada día.  Son cursos específicos que adoitan requirir coñecementos previos (comprobables mediante probas ou entrevistas previas ou titulación). Na convocatoria de cursos monográficos xa se especifican os requisitos. Exemplos de monográficos son: alemán para principiantes, Inglés nivel superior, inglés audiovisual...
- Cursos monográficos en colaboración con outras entidades. Neste  grupo encádranse: os cursos de idiomas para profesores incluídos no programa do CEFORE, cursos de linguaxe administrativa galega, cursos de inglés audiovisual (en colaboración co Consorcio Audiovisual de Galicia), cursos CELGA (cursos preparatorios para a obtención de certificados de lingua galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de  Política Lingüística). As convocatorias son específicas, poden estar ou non subvencionados, en función da existencia de convenios cos organismos cos que se colabora.
- Clases complementarias. Este tipo de clases non son de asistencia obrigatoria nin se precisa formalizar matrícula. Están dirixidas a completar a formación do alumnado e ofrecen a posibilidade de traballar e reforzar as distintas destrezas. É posible obter un certificado de asistencia; para iso, cómpre solicitarlle a inscrición ao profesor correspondente e non exceder do número de faltas permitidas.